Saturday 18 de May de 2024

Competencias clave e informática centran a nova oferta formativa na Pobra


Dúas novas accións formativas impartiranse na Pobra do Caramiñal para así achegarlle á cidadanía un mecanismo facilitador de cualificación laboral, así como de ferramentas para a adquisición de novas competencias que redunden nunha mellora da empregabilidade. Atópanse financiadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio da Educación e Formación Profesional.

Nesta ocasión, trátase de dous certificados de profesionalidade que abranguen as competencias clave e a informática, que se van desenvolver no CPR Divino Maestro, lugar no cal tivo lugar a presentación coa concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG); o axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez; a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez; e Chefa Bretal, directora do centro.

A edil fai fincapé en que “o emprego é algo fundamental, pero sempre ten que ir parello dunha cualificación profesional, por iso apostamos pola formación.” Este itinerario xorde así das reunións periódicas mantidas cos centros de ensino da localidade.

As competencias clave constitúen unha ponte para acceder ao título de graduada/o na ESO para aquelas persoas que cursaron unicamente EXB, ademais de seguir avanzando nos distintos niveis da formación profesional. Adquirirán así coñecementos en competencia matemática do nivel 2 e comunicación en lingua galega e castelá do nivel 2. As clases comezarán no 23 de novembro, de 08.50 a 13.50 horas.

No que respecta ao de informática, afondarase nas operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, que permitirá ocupar postos de traballo como auxiliar de oficina, de arquivo, de dixitalización ou operador/a documental, entre outros. Transcorrerá a partir do día 12 de decembro, dende 16.00 a 21.00 horas.

Tamén se disporá de axudas económicas en función da situación persoal.

Existe un número máximo de 15 prazas por certificado, un 80% dirixido a persoas desempregadas e un 20% a ocupadas. O prazo de matrícula xa está aberto e o trámite deberase formalizar no dito centro de estudos. Máis información no teléfono de contacto do Servizo de Orientación Laboral do Concello: 981377610.